domingo, 24 de noviembre de 2013

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO CONCELLO DE TEO CO GALLO DA CONMEMORACIÓN DO 25 DE NOVEMBRO “DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA DE XÉNERO” 2013

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO CONCELLO DE TEO CO GALLO DA CONMEMORACIÓN DO 25 DE NOVEMBRO “DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA DE XÉNERO” 2013

En pleno século XXI, seguen a producirse fenómenos que poñen de manifesto que non somos a sociedade igualitaria e avanzada da que presumimos.

Os malos tratos contra as mulleres representan un fenómeno social de tal magnitude que atenta contra a dignidade destas, vulnera os seus dereitos e restrinxe as súas posibilidades de elección en tódolos aspectos da vida. Pero non é só un problema individual, afecta a toda a comunidade no seu conxunto. É, polo tanto, unha responsabilidade colectiva a implicación na resolución deste problema.

Lonxe do mito de que nas xeracións máis novas as desigualdades entre mulleres e homes e a violencia contra as mulleres está superada, a realidade amósanos que a incidencia da violencia machista na poboación nova, e tamén menor de idade, é moi preocupante. As novas formas de violencia veñen adaptadas ás formas de relacións sociais que posibilitan as tecnoloxías da comunicación. Temos que evolucionar para facer posible a prevención da violencia e a seguridade, sen menoscabar a liberdade das persoas. 

É imprescindible comprender que non se pode loitar contra a violencia de xénero sen un cambio profundo nos modelos de relación entre homes e mulleres, tanto afectivos, como sociais, laborais e, en xeral, en calquera ámbito da vida das persoas. Resúltanos difícil entender que en Arabia Saudí ás mulleres lles prohiban conducir, que en moitos países as nenas non teñan dereito á educación, pero toleramos que no Estado Español unha cadea de televisión autonómica utilice imaxes dunha picadora de carne para informar do asasinato dunha muller pola súa parella, ou permitimos que a igrexa católica publique un libro “para que as mulleres aprendan a obediencia leal e xenerosa. Hai 20 anos, en decembro de 1993, a ONU publicou a primeira declaración específica sobre a violencia de xénero, precedida do recoñecemento de que os dereitos das mulleres e das nenas son parte inalienable, integrante e indivisible dos dereitos humanos universais. Esta pedra mestra da ordenanza lexislativa internacional completa importantes avances, tanto lexislativos como sociais, nas décadas anteriores, pero algúns dereitos que parecían consolidados volven a estar cuestionados. Facer unha defensa constante do conseguido é imprescindible para evitar unha volta atrás. 

A implicación de todos os estamentos sociais é necesaria, pero como goberno local debemos ter un compromiso activo de traballar a prevención da violencia machista coa mocidade do Concello, dedicando o esforzo e os recursos necesarios para acompañar a xuventude na construción de relacións baseadas no respecto, a liberdade, a autonomía e a igualdade. 

Por todo isto, a poboación do Concello de Teo representada pola Corporación municipal comprometémonos a: 

  • Levar a cabo as actuacións de prevención precisas ante a violencia de xénero. 
  • Colaborar de xeito activo coa comunidade educativa para concienciar a sociedade de que o problema da violencia de xénero só se pode erradicar mediante o compromiso de todos e todas.
  • Traballar co tecido asociativo e coa comunidade educativa para posibilitar a detección da violencia de xénero entre a poboación máis nova. 
  • Elaborar un itinerario de actuación fronte a violencia de xénero que garanta a intervención integral ás mulleres vítimas de violencia de xénero.

Creative Commons License
Este trabajo está licenciado bajo Creative Commons Attribution-NonCommercial-NoDerivs 3.0 Unported License
.